Friday 17 de May de 2024

Moeche proponlle á veciñanza ir preparando unha exposición colectiva sobre as feiras para cando todo volte á normalidade


O Concello publica as bases para participar na iniciativa, que abrangue debuxo, pintura e creación literaria baixo o título “Moeche, terra de feiras”

As áreas de Cultura e de Desenvolvemento local do Concello de Moeche acaban de publicar as bases do proxecto de creación artística “Moeche terra de feiras” a través do que se lle propón á veciñanza de todas as idades que empece a pensar e a traballar en pinturas, debuxos, microrrelatos ou pequenas poesías que, despois, e unha vez que superemos esta crise, se poidan expoñer no castelo. A finalidade é dobre: por unha banda renderlle un certo tributo aos eventos feirais que se desenvolven no concello ao longo do ano -parte deles suspendidos ou aprazados como a feira do gando, as citas mensuais do 11 e o 23, a feira cabalar do 23 de Abril ou a Feira do Queixo- e, por outra, levar a cabo unha iniciativa de lecer activo mentres dure o confinamento obrigado por mor do coronavirus.

Ademais destes dous obxectivos, o Concello tamén pretende fomentar “a creatividade e a imaxinación da xente de Moeche”, tal e como se sinala nas bases xa dispoñibles na web municipal. Non se trata dun concurso nin dun certame. O único premio é “quitarlle un pouco de aburrimento ao confinamento que estamos a pasar” e ser partícipe dunha mostra colectiva na que se quere implicar ao maior número posible de veciños e veciñas -tamén pode participar alumnado do CEIP San Ramón aínda que resida noutros concellos-, “desde os 3 aos 105 anos”.

Dentro do tema principal de homenaxear ás feiras, as bases dan bastante liberdade para expresarse por medio do debuxo e da pintura ou da creación literaria. Así, na modalidade plástica han de presentarse imaxes “de cabalos, gando, ou calquera na que se reflicta a esencia das feiras, tanto as monográficas como as quincenais”, feitas sobre lenzo, táboa, papel, tea, tellas, lousa, madeira, metal, coiro, etc.

A modalidade literaria ten dous apartados: o microrrelato -cunha extensión máixima de 200 palabras- e o de micropoesía -entre 6 e 8 versos-, que en ambos casos han de estar redactados en lingua galega sobre calquera aspecto relacionado coas feiras mensuais ou monográficas que se celebran non municipio.

Debido ao extraordinario da situación actual, as obras, que han de ser inéditas, deberán enviarse entre o 1 e 30 de abril ao correo concellodemoeche@gmail.com para ir recopilando e ordenando todas as creacións. Por iso se pide que se manden copias escaneadas das obras ou que se lles tire unha foto para poder ir facéndose unha idea do espazo que será necesario e tamén dunha posible estruturación temática da futura exposición. No asunto do correo debe incluírse a frase “EXPOSICIÓN FEIRAS” e no texto farase constar o título da obra, o nome completo e o DNI da autora ou autor.

Tan pronto como se desactiven as medidas sanitarias do Estado de Alarma -e as que poidan vir despois para evitar rebrotes do coronavirus-, cada participante deberá entregar a súa obra orixinal na Casa do Concello dentro dun prazo que se publicará, chegado o momento, nas redes sociais e na web municipal.

Todas as obras presentadas que cumpran coas bases formarán parte da primeira exposición temporal que se faga no Castelo de Moeche unha vez reabra as súas portas.